Goberno Central e Xunta de Galicia ratifican o seu compromiso para a construción da nova Comisaría de Policía e a recuperación da actividade no vello Hospital Xeral. Así se desprende da reunión que veñen de manter o voceiro no Senado, José Manuel Barreiro; a presidenta provincial, Elena Candia; e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez; co secretario de Estado da Seguridade Social, Tomás Burgos Gallego; o director Xeral da Policía, Germán López Iglesias; e o director Xeral da Tesourería da Seguridade Social, Francisco Gómez Ferreiro.
Esta é a primeira xuntanza que se leva a cabo, logo do encontro que mantiveron a pasada semana o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro do Interior, Juan Antonio Ignacio Zoido, e na que o máximo mandatario autonómico acadou o compromiso explícito do Executivo estatal para a execución desta infraestrutura.
Deste xeito, non só se ratifica a implicación e a palabra dada aos lucenses hai uns días, senón que as administracións implicadas dan un paso máis na consecución deste obxectivo, establecendo a folla de ruta a seguir e un calendario con novas reunións e acordos dos que se irá informando puntualmente.
Os Gobernos Central e da Xunta implicados con Lugo
A ratificación deste compromiso é unha mostra da implicación que están a demostrar os Gobernos Central e Autonómico con Lugo. Proba delo, é que o Executivo de Rajoy vén de incluir nos Orzamentos deste ano unha partida de 100.000 euros para este proxecto. Por outra banda, e co fin de lograr o equilibrio territorial, Lugo e Ourense lideran o investimento da Xunta por habitante; un 33% superior ao gasto previsto nas atlánticas.