A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, presentou este venres as novas actividades que acollerá o cemiterio municipal de San Froilán ao longo do mes de maio e xuño. A edil subliñou que un dos obxectivos destas actividades é “ensinar un dos nosos potenciais, un dos valores da nosa cidade, como é o cemiterio, e para que a cidadanía aproveite e visite o mellor monumento funerario de España, o mausoleo neogótico do noso cemiterio”.
As actividades arrincarán o venres 6 de maio, cunha actuación musical e unha ofrenda floral con motivo do Día da Nai, baixo o lema Unha flor, un aloumiño. Será a a partir das 19:30 horas.
Para o sábado 14 de maio, o Concello ten programada unha andaina ata o cemiterio polo camiño de Santiago, con saída dende a Porta do Carme, pola Ponte Romana e San Lázaro. Para finalizar, realizarase unha visita guiada polos mausoleos e contruccións funerarias máis relevantes. A distancia a recorrer son 5 quilómetros aproximadadmante, de 2 horas e media de duración. Todos os interesados en participar nesta andaina, que conta cun número de prazas de 40, poderanse inscribir dende o vindeiro luns no Servizo de Atención Cidadá 010, e no 982-29-73-50 para chamadas de fóra de Lugo.
O día 19 de maio terá lugar unha visita nocturna ao cemiterio, para observar a posta do sol dende unha perspectiva diferente. Logo continuarase cun roteiro guiado arredor das tumbas de persoeiros ilustres da cultura galega, con lectura de poemas e acompañamento musical, a partir das 21:30 horas.
O 21 de xuño, o teatro e a danza chegarán ao cemiterio, con actuacións de Espazo Artístico 10 e Palimoquiños, ás 20:00 horas.