Nove e once anos de prisión para cinco acusados de tentar introducir media tonelada de cocaína en Galicia

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a cinco persoas a penas de nove e once anos de cárcere por importar desde Ecuador a Galicia media tonelada de cocaína, que foi taxada pericialmente en 17,8 millóns. O tribunal impuxo a catro dos imputados como autores dun delito de tráfico de drogas, coa atenuante de dilacións indebidas, nove anos de cárcere e unha multa de 70 millóns de euros. O quinto acusado foi condenado a abonar a mesma multa e a once anos de prisión, pois os xuíces tiveron en conta a agravante de reincidencia.

A Audiencia considera probado que os sospeitosos mantiveron contactos e reunións en Galicia e Madrid co obxectivo de introducir en España a droga utilizando o transporte marítimo. Para iso, segundo a sentenza, simularon operacións comerciais que tiñan por obxecto a importación de peixe conxelado a través da empresa da que era administrador único un dos acusados. A cocaína foi localizada en setembro de 2010 no porto de Marín, a onde chegou en dous contedores transportados por un buque de mercadoría procedente de Ecuador.

Violación e Maltrato

Noutro senso, a Audiencia Provincial de Lugo condenou a 23 anos e dez meses de cárcere, así como a dez anos de liberdade vixiada, a un home que violou a súa muller, á que lle esixía cartos para comprar droga e sometía “a continuos episodios de violencia”. O tribunal considerouno autor de delitos de malos tratos habituais, agresión sexual, lesións leves e coaccións. Os xuíces consideran acreditado que o imputado ameazaba a súa muller con facerlle dano ás súas fillas, non deixalas saír e “matalos a todos”. Nunha ocasión agrediu a súa filla maior, á que chegou a arrincar un guecho de pelo, cando trataba de defender á súa nai. O sospeitoso tamén foi penado coa prohibición de comunicarse e aproximarse á vítima durante 26 anos e, ás súas fillas, durante catro e tres anos, respectivamente.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com