A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas mostrou esta mañá o seu rexeitamento ás manobras dun empresario taurino de organizar un acto destas características no Concello do Páramo, despois dos intentos que xa realizou en municipios como Sarria ou Triacastela, que supuxeron unha imaxe a nivel da cidadanía , moi negativa para ámbolos dous concellos..
Os abolicionistas subliñan a curiosa relación do promotor que trata de impoñer a tauromaquia nun municipio de nula presenza das corridas de touros, cos cargos do Partido Popular, xa que as súas últimas “aparicións” realizáronse en consistorios controlados polos conservadores, e por situación xeográfica do mesmo, posto que O Páramo sitúase a poucos quilómetros de Sarria.
Neste sentido a coalición de entidades contrarias ás corridas de touros sinala “a relación do empresario co PP e co uso de diñeiro público para patrocinar unha actividade na que unicamente gaña o promotor,” xa que non se comprobou que os eventos taurinos xeren riqueza, pero si a imaxe bochornosa que se produciu en 2015 en Triacastela, sendo noticia de numerosos medios de comunicación polo xesto dunha alcaldesa que organizaba unha corrida fronte á opinión contraria e xeneralizada dos seus veciños”.
Galicia, Mellor Sen Touradas avanzou a súa intención de lanzar unha campaña en diferentes ámbitos para evitar que, primeiro non se realice a corrida de touros, e segundo investigar que papel desempeña a administración local e se outorgou algún tipo de compromiso para subvencionar a actividade, extremo que non sería desatinado, xa que outros concellos do PP practicaron a política do patrocinio taurino.