Novo Norte, o plan de transformación da Avda. da Coruña

O Concello de Lugo presentou esta mañá o Plan de Actuación Integral co que Lugo conurrirá á convocatoria dos fondos europeos habilitados a través da Estratexia EDIL. Este proxecto que recibe o nome de Novo Norte centrarase na avenida da Coruña e os barrios baixo a súa influencia, mellorar a accesibilidade na contorna da nova estación Intermodal e implementer medidas de carácter transversal no ámbito social así como executar melloras encamiñadas a incrementar a resiliencia  do municipio no ámbito ambiental.

Esta gran transformación vai aparellada a unha profunda reordenación do tráfico e redistribución dos aparcamentos comprendidos neste vía; Deste xeito, coa reordenación da avenida da Coruña lograrase transformar a mobilidade, ampliar os espazos peonís, crear novas zonas de esparexemento, introducir elementos vexetais que melloren o espazo público e crear zonas cubertas para o uso de menores e maiores que permitan socializar no que agora é un espazo ocupado principalmente por vehículos.

Este proxecto complétase ademais coa creación doutra importante senda verde  que conecta a avenida co barrio da Milagrosa a través dun itinerario que percorre parte de Camiño Real e a rúa Tino Grandío. Esta iniciativa, na liña da anterior, prevé tamén a reordenación do tráfico rodado para mellorar a mobilidade e establece zonas de coexistencia de prioridade peonil que configura espazos públicos inspirados nos “woonerf” holandeses.

Esta gran modernización urbana, complétase cunha considerable batería de melloras que coroarán este traballo estrutural de gran calado na avenida da Coruña e as súas inmediacións e que están destinadas, principalmente, a mellorar o espazo público. Deste xeito, e atendendo ás suxestións cidadás recollidas como conclusión do proceso participativo que o Goberno local abriu hai varios meses para definir as actuacións para incluír esta estratexia, se aposta de forma decidida por incorporar sensores de control de prazas de aparcamento e cámaras de identificación de matrículas para o control de tránsito.

Tamén se prevé habilitar pasos peonís intelixentes e sensores de detección de viandantes que axuden a regular o novo sistema de tráfico, instalaríanse   sinais lumínicas para aumentar a seguridade viaria. Ademais, para completar estes cambios na mobilidade proxéctase introducir un sistema de alugueiro e recarga de bicicletas eléctricas para fomentar o transporte alternativo.

Co mesmo obxectivo, e coa intención ademais de achegar dinamismo ao tecido comercial e ao lecer prevese introducir un novo sistema de transporte colectivo que consistirá nun tren eléctrico de batería de litio de dous vagóns e con capacidade para uns 56 pasaxeiros e sinalizar un roteiro turísitca que divulgará o patrimonio arquitectónico da zona norte.

Asemade dotaríase a estes barrios de elementos como bancos intelixentes con cargadores para dispositivos móbiles e con conexión a Internet pública, mupis dixitais que facilitarán información de servizos de interese para a cidadanía. Así como novos elementos que melloren a accesibilidade e un sistema de sinalización que permita identificar, servizos, parques e zonas de descanso que  situaría a este espazo como unha zona urbana referente a nivel tecnolóxico.

No que respeta á contorna da Intermodal proxectase a instalación dun sistema mecanizado que desde a praza Conde Fontao ata Miguel de Cervantes facilite o transito cara ao resto da trama urbana.

Este traballo de modernización comporta ademais un profundo labor de intervención social que ten un carácter completamente transversal. “Con esta liña pretendemos xerar oportunidades laborais e mellorar os nosos índices de equidade social. Para iso contemplamos medidas que roldan os 800.000 euros  de investimento e que inclúen iniciativas como a mellora do Centro Social da Milagrosa coa que queremos ampliar o espazo e os servizos sociais e de inclusión que se prestan neste punto e que dará resposta á crecente demanda social que existe neste sentido”, informou Alvarellos.

Dentro desta vertente social da estratexia prevese poñer en marcha unha actuación que permitirá reconectar con todas e todos aqueles lucenses que ao longo da súa vida tiveron que abandonar a nosa cidade para desenvolver os seus proxectos persoais ou profesionais. “Imos crear a “Parroquia 55″. Con este novo espazo físico e virtual queremos reforzar a conexión de todos estes lucenses co seu municipio e abrir canles que lles permitan manter o vínculo coa súa cidade e acceder a información laboral e sobre emprendemento, entre outros moitos aspectos, que lles abra a oportunidade ao seu regreso se así o desexan”, explicou a rexedora.

Esta nova Parroquia 55 estará situada na Casa do Migrante, que se localizará  no barrio de O Castiñeiro. Esta nova dotación funcionará ademais como punto municipal de asistencia onde a poboación migrante poida recibir asesoramento sobre trámites administrativos e outros aspectos que faciliten a súa rápida integración no municipio. Estes novos servizos contarán con financiamento vinculado á súa creación e  destinada a soportar o seu funcionamento”, relatou.

O Goberno local prevé realizar unha rehabilitación do Parque da Milagrosa a través dun programa de formación que permita a contratación de desempregados de colectivos vulnerables para realizar traballos vinculados este proxecto de rexeneración do parque.

Este mesmo modelo de zonas de confort climático introdúcese no último eixo previsto dentro do PAI que é o de mellora medio ambiental e en que se contemplan accións de carácter totalmente transversal. De forma complementaria a estas zonas de confort climático e tamén co obxectivo de previr posibles inundacións ou anegamientos puntuais na trama urbana prevese actuar na rede de sumidoiros e saneamento na zona norte. Ademais incrementarase a eficiencia da rede de abastecemento de auga dos polígonos industriais da cidade avanzando na substitución da actual rede de fibrocemento, mellorando amplamente a eficiencia. E tamén se dotará aos depósitos municipais de auga dun sitema de subministración autónoma a través de placas fotovoltaicas que permitir alcanzar un importante aforro no consumo de enerxía no ciclo da auga de toda a cidade. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com