A Deputación presentou hoxe o seu novo portal de emprego, dispoñible na web do ente provincial. No acto, a deputada de Benestar Social, Sonsoles López Izquierdo, explicou as principais funcións deste portal que funcionará de maneira similar a unha axencia de colocación laboral, e que non só está dirixida a desempregados en busca activa de emprego senón tamén a emprendedores, empresas e empregados que desexen mellorar as súas condicións laborais.
Trátase dunha plataforma de trato persoal na que uns axentes de emprego profesionais darán soporte humano tanto ás empresas como aos demandantes de emprego.
Este servizo público conta cunha oficina presencial no Pazo de San Marcos onde profesionais (axentes de emprego do organismo provincial) atenderán persoalmente e de xeito individual, ofrecendo asesoramento, ás persoas que busquen traballo, ás que desexen mellorar a súa situación laboral ou ás que queiran emprender. Tamén prestarán este servizo aos representantes de entidades ou asociacións da provincia que estean a buscar novos traballadores, orientándoos sobre os perfís que requiren, tendo en conta as súas necesidades, para mellorar ou ser máis competitivos.
Ademais desta oficina presencial, ponse en marcha unha plataforma web na que se poderá trasladar á Deputación toda esta información. “Contaremos con dúas importantes radiografías da provincia, a da oferta e demanda de emprego, que poñeremos en común para facilitar a inserción laboral dos nosos veciños nos establecementos lucenses”, destacou López Izquierdo.
O nome deste servizo é Axencia de Colocación posto que o seu obxectivo é insertar no mercado laboral da provincia aos lucenses que busquen traballo (tanto aos que estean no paro como a aqueles que queiran mellorar a súa situación laboral) nas empresas ou entidades que estean a buscar novos traballadores e contribuír á xeración de novas entidades, axudando aos emprendedores. É un servizo aberto a todos os veciños da provincia.
Este xoves porase en marcha no Pazo de San Marcos dita oficina, funcionando de luns a venres dende as 09:00 horas ás 14:00 horas; e estará a pleno rendemento a plataforma http://deputacionlugoportalemp.com. Tamén se pode acceder á mesma dende www.deputacionlugo.gal, pois hai un banner de enlace directo.