Continúa a avanzar, de novo, o coronavirus pola provincia. E é que á suba das últimas xornadas consolídase hoxe superando os 70 casos activos, en concreto hai 72 persoas con infección activa de Covid, nestes intres.
E é que nas últimas horas as PCR positivas eleváronse ata as 11, unha cifra que facía tempo que non se vía na provincia. Malia que non son moitas, o certo é que se as comparamos coas de hai unha semana, a cousa semella preocupante.
Nesta xornada, en cambio, mantense a presión asistencial con 3 pacientes ingresados, todos no HULA e un deles na UCI.
Con todo, estas cifras continúan a chamar a atención dos expertos e, se onte era Ramón Ares, xerente da Área Sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte, quen se amosaba “preocupado” pola situación, malia que non é das peores; hoxe era a Xunta quen comenzaba a traballar na análise dos datos. Así, o Goberno Galego analizará mañá a posibilidade de esixir o pasaporte covid no acceso a determinadas instalacións e eventos. Será unha das medidas que estea sobre a mesa da reunión do subcomité clínico que asesora á Xunta nesta materia. Un grupo que foi convocado ante o repunte de casos nas últimas semanas.