Números

Case seis meses de coronavirus, con noticias a todas horas e cifras diarias que resumen esquematicamente a situación, cun rigoroso confinamento e agora en liberdade profusamente vixiada, teñen o perigo da acomodación á monotonía e pensar que o tema non vai connosco, que segue a ser un problema esencialmente dos demais.

Nos últimos días, os afectados en Galicia non deixaron de aumentar, en total e en cada departamento sanitario, sendo na tarde do xoves un total de 1.783 afectados no país. A dúbida existencial é se se trata da segunda volta da pandemia, coletazos da anterior, excesos de mocidade ou a nosa tendencia gastronómico festeira, que nada ten que ver con circunstancias persoais.

E sempre se nos di ou asumimos polas boas que os galegos somos uns beneficiados pola fortuna, a xeografía, a prudencia ou a protección divina, e para apoiar esta crenza está Aragón que ten a peor situación de Europa, ou Cataluña e Madrid, que non quedan moi lonxe. E que España sexa o país europeo máis señoreado pola pandemia non aumenta unha inquedanza que diminúe proporcionalmente á súa duración.

En tempos, considerábamos que “os números cantan” á hora de poñer de manifesto unha situación ou un feito. Neste caso parece que todos fósemos de letras, que a literatura informativa nos invadise, e que os números non fosen máis ca unha parte estética para adornar a información. Pois os números tamén deben valer para os de letras, e se hai que tomar boa nota e botar contas, avaliemos seriamente a situación, sabendo que isto non vai ben,  é moita hora de tomar os números en serio.

Xulio Xiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com