O 31º ciclo Luis Asorey centrarase nos novos retos do agro

O ciclo de conferencias Luis Asorey 2020 organizado pola Real Academia Galega de Ciencias centrarase este ano na biointensificación, analizando os retos de hoxe en día no ámbito da agricultura, gandería, sector forestal e alimentación.

A asistencia é gratuíta e, por primeira vez, as xornadas serán online e poderanse seguir a través de Zoom con inscrición previa neste enlace: https://bit.ly/3lii3jk A Real Academia Galega de Ciencias decidiu dedicar este ciclo de conferencias á memoria do Doutor Luís Asorey García, prestixioso médico que desenvolveu a súa actividade profesional durante moitos anos na cidade de Lugo e que foi académico, secretario e vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias.

As charlas comezarán o vindeiro luns, 16 de novembro, coa xornada inaugural, e continuarán os días 17, 18, 23, 24, 25 e 30 deste mes. Todas as ponencias están previstas para as 19:00horas, unha vez que a persoa estea anotada remitiráselle o enlace de conexión a cada unha delas.

Programa

Luns,16 de novembro – 19:00 horas

Terá lugar a inauguración e a conferencia inaugural a cargo do doutor enxeñeiro de montes e catedrático da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (USC) e membro de número da Real Academia de Ciencias, Antonio Rigueiro, que se centrará nos sistemas silvopastorais e das prácticas silvoecolóxicas sostibles.

Martes, 17 de novembro – 19:00 horas

O arquitecto e diplomado en Xestión de Proxectos de Arquitectura en Bioconstrución e socioactivo de ESPIGA (Asociación Galega para a Bioconstrución), Víctor González García-Echave, abordará a bioconstrución e as estruturas de madeira.

Mércores, 18 de novembro – 19:00 horas

Será a quenda de falar sobre a gandería ecoloxía como chave no goberno de agoecosistemas. A conferencia será a cargo de Carmelo García Romero, doutor en Veterinaria e funcionario da Consellería de Agricultura e Medio Ambiente de Castela A Mancha. É membro da Real Academia de Ciencias Veterinarias e vicepresidente da Sociedad Española de Agricultura Ecológica (SEAE).

Luns, 23 de novembro – 19:00 horas

A conferencia titúlase Os ciclos virtuosos da materia orgánica, metabolismos e sistemasalimentarios e impartiraa Franco Llobera Serra, da asociación profesional Economías BioRegionales. É membro da Sociedad Española de Agricultura Ecológica (SEAE), e asesor, formador e prospector da Red de Municipios Agroecológicos TERRAE. Ademais, forma parte do panel de expertos de Bioeconomía Circular e Agroecoloxía do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Martes, 24 de novembro – 19:00 horas

Este día abordarase o papel das administracións públicas como mediadoras e facilitadoras na biointensificación. Será impartida por Xabier Bruña García, enxeñeiro de Montes e Educador Social, e funcionario da Xunta de Galicia.

Mércores, 25 de novembro – 19:00 horas

A doutora enxeñeira agrónoma, catedrática da Universidade Politécnica de Valencia, e vicepresidenta da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), María Dolores Raigón Jiménez, falará sobre as vantaxes e diferenzas nutricionais dos alimentos ecolóxicos.

Luns, 30 de novembro – 19:00 horas

Xan Neira Seijo, doutor en Enxeñería Agrónoma, profesor titular da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e membro da Sociedade Galega de Agroecoloxía (SOGA), centrará a súa conferencia nas “vernatopías” e a nova ruralidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com