O 8, en Outeiro

O 8 cumpríronse vinte anos do seu pasamento, polo que de novo convocados por Xermolos e a Irmandade Manuel María, os amigos volvemos a Outeiro de Rei para honralo onde repousa. Levamos dezanove visitas, sempre o mesmo día, co mesmo programa: xantar en comunidade, lectura poética nas Penas de Rodas, nova lectura e ofrenda floral no cemiterio, e entrega de “A navalla do Manuel” na Campa da Santa Isabel a persoas coas que o noso escritor comulgaría.

O acto do cemiterio faise diante, no adro, que hai tempo nos chegou a queixa das xentes de Outeiro porque ao ser moi estreito o paso entre as tumbas podía non respectarse axeitadamente a memoria dos que alí repousan, e só se accede ao sepulcro do poeta da Chaira de un en un dos que levan “Unha rosa a Outeiro”.

Recibiron este ano a navalla Luis Fernández Guitián, Alcalde de Sober, profesor, músico, escritor e gran amigo do Manuel; e a título póstumo María Xosé Neira Maseda, activista sociocultural, falecida recentemente.

Esta xornada é unha comuñón laica nas especies de pan e queixo do país e viño da Ribeira Sacra, repartido aos presentes, todos amigos do Manuel e entre sí, que a devoción común fai común a amizade. E o rito da entrega das navallas entra nidiamente na memoria que se garda do Manuel (e de Saleta, a súa dona) porque para el non había coitelos senon navallas, que valían especialmente para cortar e compartir o pan na mesa… ou para facer un caxato para apoiarse no camiñar…

Cada oito de setembro, nin chamada faría falla: Vémonos en Outeiro de Rei, como amigos vellos que se xuntan para lembrar ao irmán maior que nos ensinou a coñecer e querer unha terra, un pobo e unha fala.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com