Controlado dende hoxe ás sete da mañá o incendio que onte se desataba no concello de Cervantes, na parroquia de Santo Tome, e que afectou, segundo as estimacións da Xunta, a unhas 30 hectáreas.
O alcalde da vila, o socialista Benigno López, cre que as lapas se iniciaron por mor da tormenta rexistrada a pasada tarde nesa zona, en concreto, por un raio que caeu sobre un piñeiral da zona.
A esta hora continúan traballando os medios aéreos e terrestres para extinguir por completo o lume. De momento as condicións meteorolóxicas, coas altas temperaturas e o forte vento na zona, están a dificultar os labores de extinción.