Os socialistas mostraron a súa estrañeza pola dura nota do BNG e a marexada das últimas horas
O alcalde de Foz Fran Cajoto retomou o traballo no Concello trala investidura, coa prioridade de sacar adiante as convocatorias de emprego pendentes para o reforzo de servizos municipais para a tempada de verán. O pasado sábado Fran Cajoto foi investido de novo alcalde cos votos a favor do partido socialista, nun día que o BNG emitía unha dura nota. “O partido socialista descolgou o teléfono para sentarse a negociar co BNG un goberno de coalición ou un acordo de goberno en minoría. Mantivemos a segunda xuntanza o xoves 15 segundo a dispoñibilidade na axenda do BNG. Esperábamos reunirnos o venres 16, pero ante a imposibilidade citámolos para continuar falando este pasado domingo”. O alcalde continúa: “O sábado 16, día da investidura, encontrámonos cunha nota do prensa moi dura do BNG desprestixiándome e tildando ao partido socialista de irrespectuoso e con aires de suficiencia. O feito real é que nos enteramos pola prensa que quedaba anulada a reunión do domingo e que o BNG pasaría á oposición. Non imos calificar en ningún caso ao BNG, pero a situación foi surrealista” e continúa “Sempre e en todo momento optamos polo diálogo e cremos sinceramente que a calma, a empatía a serenidade son as mellores compañeiras para as negociacións, falando enténdese a xente”.
A marea xeral nas horas previas ou na propia investidura foron de tensión na comarca, o que podería ter influído en Foz. Os socialistas defenderon sempre un goberno único, en coalición ou en minoría. “Na reunión co BNG plantexamos o acontecido durante estes catro anos, buscando mellorar dinámicas e favorecer que todo o mundo conte con áreas ben definidas, sen interferencias, todo baixo unha dirección coordinada. O mellor funcionamento dun goberno sempre implicará melloras para un pobo. Pola nosa parte só queda o completo compromiso de traballar con ilusión para continuar mellorando Foz”.
Fran Cajoto