O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, denuncia a situación do centro de saúde da vila durante estes meses de verán, xa que o servizo de pediatría pasa consulta tan só un día á semana. Suárez Barcia advirte de que “coa saúde non se xoga” e cualifica a situación de “intolerable”.
“Aínda nos resoan na cabeza estas verbas grandilocuentes que estes persoeiros do PP o outro día estiveron dicindo aquí do moito que fixo o Partido Popular para a Mariña e todas cantas cousas fixeron que logo lles temos que dar as grazas por vivir”, apunta o rexedor.
Suárez Barcia asegurou que “a realidade é outra ben distinta. Singularmente no tema da sanidade temos que ver por exemplo como en Ribadeo, un pobo con máis de 10.000 habitantes que agora no verán ten moita poboación flotante que acude desde outros sitios, o servizo de Pediatría é atendido unha vez á semana, onde se despraza unha profesional que anda por outras localidades para tratar a tanta poboación. Isto é debido a que a persoa titular do posto está de vacacións, como é lóxico”.
Para o alcalde ribadense que “os veciños e veciñas deste concello teñan que durante esta época estival aturar un día á semana para os nenos e nenas ata catorce anos é algo intolerable”.