O aproveitamento enerxético centrará o vindeiro obradoiro programado pola Deputación de Lugo no Espazo Permacultural Lugar de Reque.
Trátase dunha formación teórica e práctica na que as persoas anotadas poderán participar no proxecto de creación dunha estufa de inercia de alto rendemento, unha tecnoloxía que permite lograr a máxima eficiencia á hora de xenerar calor e aproveitalo.
O enxeñeiro Gustavo García e o especialista en bioconstrución Sol Sun Castro encargaranse de guiar a actividade, cunha metodoloxía participativa para que as persoas participantes poidan desenvolver este tipo de proxectos no seu ámbito profesional ou doméstico.
O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, animou “ás persoas interesadas a participar no obradoiro no que adquirirán as nocións básicas para deseñar e construír estas estufas baseadas en coñecementos que non son novos, que se aplicaron tradicionalmente, pero que foron desprazados, volvéndonos máis dependentes desde o punto de vista enerxético”.
A actividade desenvolverase en dúas fin de semana, os días 12 e 13 de marzo e 2 e 3 de abril, de 10.00 a 14.00 e de 15.30 a 19: 30 horas, no centro de cestería, un espazo reducido polo que as prazas son limitadas. Para participar, é necesaria a inscrición previa a través do enderezo electrónico lugardereque@deputacionlugo.org. O prazo para solicitar a participación abre o luns, 7 de marzo. Anotarase por orde de inscrición.