Lugo prepárase un ano máis para revivir o seu pasado romano, e como antesala a súa gran festa de recreación histórica, que se celebrará do 8 ao 12 de xuño, comezan xa as actividades do programa Arde Lvcvs Cultural, impulsadas polo Concello.
A primeira delas será a Festa da Primavera, que se desenvolverá este sábado, 24, na Horta do Seminario, de 11.00 horas a 20.00 horas. Segundo lembrou o concelleira de Xuventude, Mauricio Repetto, “é unha das festividades galaicas máis importantes antes da chegada do Imperio Romano e con gran influencia na nosa cultura, dado que este tipo de celebracións marcaban os cambios de estación e a chegada do bo tempo, pasando ás estacións de fertilidade, luz e vida, deixando atrás as estacións máis frías e escuras”.
Así, este sábado, as asociacións Civitas Lucensis, Clan De Breogán, Lugdunum, Mercenarios Galaicos e Trebas Galaicas participarán con diferentes obradoiros de traballos en coiro, barro, cociña e cestería, pero tamén prepararán unha representación das vodas celtas, das ofrendas dos e rituais inspirados nos antigos poboadores. Ás 20.00 horas haberá un desfile polas rúas da cidade.
Repetto anima á cidadanía a participar nesta primeira acción dun completo programa de actividades previo ao gran Arde Lvcvs, “que este ano recuperará todo o seu esplendor tras dos anos de pandemia”. O concelleiro puxo en valor o traballo que están a realizar as 19 asociacións de recreación histórica do municipio, e avanzou que o Arde Lvcvs Cultural, “que anunciaremos nos vindeiros días, inclúe medio cento de actividades de inspiración romana e castrexa, que se desenvolverán ata xuño”.
Ademais, o sábado tamén terá lugar, no Cantiño Nemesio Cobreros, unhas xornadas de lanzamento de bolos organizadas polo Club de Bolos Celtas Muralla, de 10.00h a 14.00h en xornada de mañá, e de 16.30h a 20.30h pola tarde.
Programa
» 11:30 h. Obradoiro de traballos en coiro
» 12:00 h. Obradoiro de traballos con barro
» 12:30 h. Pregúntalle ao péndulo
» 13:00 h. Representación de vodas Celtas
» 13:30 h. Cociña Galaica
» 16:15 h. Mostra traballo de cestería
» 16:45 h. Oráculo Galaico
» 17:30 h. Representación de vodas Celtas y escenificación de Loita Galaica
» 19:00 h. Ofrendas e rituais á deusa Navia
» 20:00 h. Desfile polas rúas da cidade