O Arde Lvcvs vén de ser nominado ao premio Del viajar 2018, que concede a páxina web gastronómica e turística La Alacena Roja con motivo do seu quinto aniversario. A elección da festividade gañadora desta categoría realizarase mediante a votación online a través da web http://www.laalacenaroja.com, a partir dunha candidatura proposta polo equipo de edición da revista, en función da traxectoria e méritos de cada unha das propostas.
O prazo de votación está aberto ata o día 5 de decembro. Os premios Del viajar están en terceira posición, polo que para votar por esta festa de recreación histórica, declarada de Interese Turístico Nacional, deberase votar primeiro as dúas pantallas iniciais (comer e beber).
Xunto co Arde Lvcvs, compiten na categoría de viaxes o aloxamento A Torre do Río, o Castelo de Soutomaior e o Programa Español de Vías Verdes. A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, convidou a todo Lugo a votar por esta festa de recreación, á que cada ano asisten máis visitantes.
Os gañadores daranse a coñecer o 10 de decembro nun acto que terá lugar en A Quinta da Auga, en Santiago de Compostela, a partir das 19:30 horas.