A Concelleira de Cultura do Concello de Lugo desprazouse este mércores á Casa de Galicia en Madrid, coa finalidade de convidar á poboación madrileña a invadir Lvcvs Avgvsti esta fin de semana e revivir, xunto ás e aos lucenses, a historia de Lvcvs Avgvsti, e gozar do legado cultural da cidade en primeira persoa. No acto de presentación da programación oficial do Arde Lvcvs MMXVIII, a edil estivo acompañada polo director desta entidade, José Ramón
Ónega.
No transcurso do acto, a edil enumerou as múltiples potencialidades do Arde Lvcvs, que este ano engloba máis de 350 actividades para viaxar 2.000 anos atrás, organizadas entre o Concello e as asociacións de recreación histórica, dirixidas a todos os públicos e en espazos destacados da cidade, das que o 90% son novidades.
Nesta liña, a concelleira anunciou o cambio de ubicación da Castra de Lvcvs Avgvsti, que nesta edición pasará a ubicarse no Parque de Rosalía de Castro, a II Mvrvs Lvcis, que enfrontará, nunha carreira polo adarve da Muralla a romanos e castrexos; o espectáculo nocturno Divinivm, no que guerreiros e guerreiras deberán superar probas de lume e auga; o recuncho do teatro no patio exterior do Vello Cárcere, ou as distintas actividades programadas tanto polas 17 asociacións de Lugo como polas compañías de teatro da cidade. Así mesmo, tamén deu conta da continuidade de actividades de gran éxito e expectación, como o Circo Romano, o desfile pola Ronda da Muralla, na que participan non só asociacións de Lugo e Galicia, senón do resto do territorio nacional e incluso de Francia, Italia e Rumanía, cun total de 44 colectivos participantes; e o desfile dos colexios, no que están prevista a participación de 4.000 persoas da comunidade escolar de Lugo.
A edil tamén quixo expoñer como o patrimonio da cidade é partícipe festas, non só a Muralla, senón tamén a Ponte ou as Termas Romanas, onde terá lugar unha ofrenda ás ninfas, tras a entradas das lexións. Pola súa banda, Ónega agradeceu a presenza do Concello e do Arde Lvcvs, unha edición máis, na Casa de Galicia, e alegrouse porque esta festa queira cautivar a madrileños e madrileñas, e a galegos afincados fóra, co encanto de Lugo.