O Arquivo Histórico Provincial celebra este venres o Día Internacional dos Arquivos, que cada 9 de xuño conmemora a creación en 1948 do Consello Internacional de Arquivos.
Como en edicións anteriores, o centro aproveitará para dar a coñecer algúns dos documentos singulares que custodia, neste caso planos de 1908 dos montes abertales de Santiago de Quende, en Abadín, que forman parte dun expediente xudicial. Ademais da presentación dos documentos orixinais, publicarase un folleto descritivo coa reprodución do plano principal e explicacións sobre a súa natureza e características.
O acto terá lugar ás 12.00 horas do venres e contará coa presencia, entre outros, do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro. Durante toda esa xornada o Arquivo tamén ofrecerá visitas guiadas para quen así o solicite, no teléfono do arquivo 982 828 318 ou no correo electrónico ahp.lugo.informacion@xunta.es.