Pedro Ruiz presentou este xoves no Salón de Plenos o espectáculo humorístico Uno Pequeño y Libre, que acollerá mañá venres o Auditorio Municipal Gustavo Freire, a partir das 20:00 horas. As entradas poden adquirirse a partir de 20 euros nas mesmas instalacións do auditorio.
Ruiz fixo un breve recorrido pola función, na que fala de fútbol, de publicidade ou de política, entre outros. Ao final, ten lugar unha homenaxe a artistas españois falecidos recentemente, tal e como avanzou o artista, quen convidou aos lugueses á asitir este espectáculo, dirixido a todos os públicos.
Uno Pequeño y Libre é un espectáculo humorístico de dúas horas de duración, dirixido e producido polo propio Pedro Ruiz. Neste show conflúe o audiovisual e a luminotecnia coa música en directo, o esperpento, a risa e a canción paradóxica; conxugando o humor e a emotividade.