O tradicional belén de Begonte inaugurarase este sábado 3 de decembro no centro cultural José Domínguez Guizán deste concello lugués. O pregoeiro deste ano será Luis Angel de las Heras, o novo bispo de Mondoñedo.
Deste xeito, todos os que queiran poderán gozar das pezas e o movemento dun dos nacementos electrónicos máis recoñecidos de Galicia. Ao redor deste evento cultural, medraron tamén outras iniciativas como son os certames de xornalismo, poesía, pintura e debuxo infantil, que xuntan a creadores procedentes de todos os puntos da xeografía galega.
O belén conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia desde hai dous anos e figura xa entre as citas imprescindibles cada Nadal para moitas familias e visitantes, constituíndo, en consecuencia, “unha fonte de riqueza económica para o municipio”, segundo indicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Xosé Manuel Balseiro.
Balseiro enxalzou hoxe o papel do belén de Begonte como referente na suma de “valores culturais, relixiosos e sociais, que fan del un foco de atracción turística de gran relevancia para o municipio”.