O bipartito cre que Mari Teijeiro actúa “sometida aos designios” de Candia

O voceiro socialista na Deputación, Álvaro Santos, e o deputado nacionalista, Xosé Ferreiro confesaron estar “sorprendidos” do ocorrido onte no pleno do Concello, no que o grupo popular apoiou a moción do BNG para a creación dun xulgado específico para casos de violencia de xénero en Lugo. Días antes o grupo provincial presentara “a mesma moción redactada polas mesmas persoas” no pleno da Deputación, lembrou Ferreiro, pero a resposta do PP fora moi distinta. Naquel caso os 12 deputados populares ausentáronse na votación despois de que a socialista Sonsoles López lles chamara “agresores das mulleres”, palabras que a deputada rectificou posteriormente.

Desta maneira, Santos e Ferreiro criticaron as diferenzas de resposta do PP segundo se trate do pleno provincial ou municipal. E lembraron ademais que a popular Mari Teijeiro forma parte de ambas corporacións, de forma que cando se tratou de votar a moción na Deputación saíu da sala xunto aos seus compañeiros, mentres no pleno do Concello foi ela mesma a que exerceu de voceira nese tema e votou a favor. Algo que para Santos “pon en evidencia unha ruptura no PP”, e engade que Teijeiro “na súa actuación como deputada vese sometida aos designios ou as indicacións da líder do grupo provincial”, mentres no Concello “ten unha postura máis razoable”.

O socialista responsabiliza desa “fractura” á voceira do grupo popular na Deputación, e considera que “se o PP non estivese nesa carreira na que está agora, Candia tería apoiado esa moción da Deputación”. Refírese Álvaro Santos á pugna que manteñen a delegada da Xunta, Raquel Arias e Candia por conseguir a presidencia do PP provincial tras a marcha de José Manuel Barreiro.

Paus nas rodas

Pola súa banda Ferreiro interpretou estas diferenzas de criterio dos populares como un intento de “meter paus nas rodas e impedir a actuación normalizada do goberno”, algo que considera unha “falta de seriedade”.

O nacionalista amosouse anoxado cos motivos achegados polo PP durante o debate na Deputación para non apoiar a creación dese xulgado específico. De feito os populares anunciaran que se ían abster na votación aínda que finalmente optaron por abandonar a sesión. “Que argumenten cuestións económicas é algo demencial porque salvar vidas non se pode cuantificar en diñeiro”, dixo Ferreiro. “Custe o que custe se se aforra unha única vida xa é rentable”, rematou.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com