A candidata por Lugo ao congreso de BNG-NÓS, Olalla Rodil, participou esta mañá nun acto simbólico diante da oficina do Servizo Galego de Emprego no que reclamou a derrogación das dúas reformas laborais aprobadas polo PSOE e o PP ao tempo que defendeu a creación dun marco de relacións laborais galego que permita crear condicións de traballo dignas.
Olalla Rodil lembrou que o “paro e a precariedade laboral” son dúas das cuestións que “máis preocupan” á sociedade. Neste senso, a candidata explicou que están a centrar a recta final da campaña electoral nas propostas do BNG-Nós nesta materia.
“Non pode ser que Galiza manteña os salarios máis baixos de todo o estado” e que “nos últimos anos os contratos asinados estexan marcados pola temporalidade e a parcialidade” o que torna “estar explotada case nun privilexio”.
Desde o BNG-Nós, sinalou, “defendemos o incremento do salario mínimo até os 900 euros” de maneira progresiva e durante os vindeiros tres anos para alén da persecución da contratación fraudulenta a través das Empresas de Traballo Temporal (ETT) e da figura de falsas persoas autónomas.