O voceiro do BNG-AA no Concello de Lugo, Ruben Arroxo, cualificou de “total escurantismo” as negociacións entre o PSOE e Monbus sobre o contrato do transporte público.
Arroxo lembrou que a nova adxudicación do contrato foi feita no mes de febreiro de 2016 á empresa Autobuses Urbanos de Lugo, do grupo Monbus e “dende aquela nada se sabe sobre a proposta que esta empresa tiña a obriga de presentar para o novo servizo de transporte público”.
A xunta de goberno local de Lugo adxudicou en febreiro de 2016 o contrato de explotación por 10 anos do servizo de transporte urbano de Lugo e con opción de cinco anos máis. Naquel momento, a empresa lucense presentara a mellor das ofertas económicas por kilómetro percorrido. No propio contrato de adxudicación, explicitábase que a empresa adxudicataria tiña un prazo de un ano para presentar un plan de reforma do servizo.
Arroxo sinalou que se trata dun contrato por un importe total que supera os 60 millóns de euros e considerou que “as persoas usuarias deben coñecer as condicións nas que se vai desenvolver o servizo e con que liñas se vai contar”.
Arroxo pediu, “a xuntanza da Mesa da Mobilidade para coñecer e analizar a proposta da empresa e se esta proposta é a que Lugo precisa para contar cun bon servizo de transporte” xa que, segundo afirmou o nacionalista, “as liñas actuais foron deseñadas no ano 1.999, polo que hai que adaptar a oferta de transporte ás necesidades actuais”.
Para o BNG, o novo proxecto de servizo de transporte urbano debería analizar cales son as causas da caida de usuarios do transporte público lucense e as posibles solucións. Dende o BNG–AA tamén se lamenta que “non se traslade o resultado obtido nas xuntanzas da alcaldesa nos barrios e en que medidas se van ter en conta as propostas das veciñas e veciños”.