O BNG-AA pedirá que se abra a oficina do documento de Identidade pola tarde

O voceiro do BNG – Asembleas Abertas anunciou que presentará unha petición formal ante a subdelegación do goberno de Lugo para que a oficina da policía, na que se fan as tramitacións dos documentos de identidade e pasaporte, teñan horario de atención ao público polas tardes. Rubén Arroxo indicou que “son moitas as persoas que teñen dificultades para solicitar ou renovar estes documentos en horario de mañá” e sinalou que “Lugo é a única capital galega na que estas oficinas permanecen pechadas polas tardes”.

No estado español unicamente Lugo, Teruel, Huesca e Ceuta teñen pechado este servizo en horario de tarde e hai localidades como Vilagarcía de Arousa nas que as comisarias tamén atenden ao público pola tarde. En Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo é posible facer os trámites para a solicitude ou renovación do documento de identidade e do pasaporte en horario de tarde, mais en Lugo non, e tampouco nas outras comisarias de provincia.

Arroxo explicou que “cada subdelegación e comisaria determinan os horarios de apertura, xa que o ministerio ditou unha orde na que deixa nas súas mans a regulación dos horarios que excedan un horario de apertura obrigatorio entre as 9 e as 14:30 que rexe para todas as oficinas de expedición do estado”.

O horario de apertura da oficina de Lugo tamén fai imposible cambiar o pin do carné electrónico ou dos certificados electrónicos por que as únicas máquinas que funcionan están dentro da ofician de Ramón Ferreiro que pecha polas tardes e as instaladas na comisaria da rúa Chantada non funcionan.

Por outra banda, o concelleiro do BNG denunciou, tamén, que “na oficina de expedición de documentos de identidade dependente da comisaría de Lugo estase a incumprir de xeito reiterado a Lei de Normalización Lingüística que ampara ás persoas administradas no seu dereito a recibir a documentación nas linguas oficiais da súa comunidade autónoma. No caso de Lugo so é posible atopar formularios en idioma español para realizar os trámites correspondentes”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com