O BNG reclama a inmediata convocatoria e constitución do Consello Municipal de Turismo. “Estamos vendo, e sábeno comerciantes e hostaleiros, que o turismo é un dos revulsivos económicos desta cidade e sobre todo do casco histórico” dixo Maite Ferreiro e explicou que ““unha vez publicada no BOP, do mércores 21 de decembro, a aprobación definitiva do Regulamento que rexe o funcionamento deste Consello Municipal e define a súa composición, non hai motivo para seguir retrasando a súa posta en marcha ”.
“Entre todas temos que poñer en marcha solucións urxentes para a revitalización do Casco Histórico, do seu comercio e da hostalería” afirmou Maite Ferreiro e lembrou como “día tras día vemos como van pechando comercios e establecementos en distintas zonas da cidade, pero tamén no casco histórico”. Para Ferreiro “o goberno ten que poñer os medios, os axentes vencellados ao sector a súa experiencia e dende a oposición sumaremos o noso traballo para axilizar a posta en marcha de medidas que sirvan para que Lugo incremente, ano a ano, a cantidade de visitantes que recibe”.
Para o BNG-AA “o turismo medra en Lugo a pesar deste goberno municipal”, Ferreiro explicou que “o concello de Lugo carece de propostas de promoción turística” e o goberno municipal non foi capaz de “crear paquetes turísticos que, ademais de atraer turistas, promovan o incremento das pernoctas na cidade” explicou Ferreiro”.