O BNG – AA proporá unha serie de medidas para mellorar a circulación na zona de Fontiñas. Rubén Arroxo dixo que “temos un plan para a zona e aínda que as medidas que presentamos agora non son a solución definitiva si que van a contribuír a mellorar a fluidez do tráfico”. Arroxo informou que “tivemos varias xuntanzas no barrio, falamos cono moita xente da zona e reunímonos con técnicos en urbanismo e as conclusións refléxanse na proposta que lle trasladaremos ao goberno municipal”.
“Cambiar o sistema de xiro nos cambios de sentido para dar axilidade á ciruculación” é unha das propostas do BNG-AA. Este sistema de xiro xa se aplica en moitas avenidas de diversas cidades e permite que os vehículos afronte o cambio de sentido da marcha sen agardar polos vehículos que fan o cambio de sentido contrario. Arroxo sinalou que “este novo sistema de cambio de sentido da circulación podería aplicarse naqueles puntos nos que non existe intersección de víais e sería factible facelo en catro lugares”.
Rubén Arroxo explicou que o BNG-AA baralla un plan a longo prazo que sería a solución definitiva para Fontiñas e tamén unha serie de medidas que se poderían aplicar a curto prazo. Arroxo explicou que outra proposta sería unha rotonda fronte á praza do Camiño Primitivo, onde se xuntan os vehículos procedentes de Montero Ríos, da estación e da estrada de Fonsagrada. Este é un dos puntos conflitivos en Fontiñas xa que se produce un “efecto embudo” que provoca retencións de xeito habitual.
A implantación de aparcadoiros disuasorios na zona suporía, segundo Rubén Arroxo, a creación dunhas 250 prazas novas de aparcamento. A proposta do BNG-AA incluiría eliminar as prazas de aparcamento da marxe dereita de Fontiñas para conseguir dous carriles de circulación en ámbalas dúas direccións para determinados tramos de Fontiñas. Arroxo explicou que a creación de dous carriles en cada sentido de circulación suporía a eliminación dunhas 40 prazas de aparcamento, mentres que coa creación de tres aparcadoiros disuasorios na zona crearianse unhas 250 novas prazas de aparcamento.