O voceiro do BNG – AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que lle presentará ao goberno municipal unha proposta para poñer en marcha un plan de control semanal de pasos de peóns. “Este tipo de iniciativas xa se ten experimentado noutros concellos do estado e debe ter como obxectivo a información e non a sanción” dixo Rubén Arroxo. Para a execución deste plan de control semanal de pasos de peóns “o goberno municipal deberá poñer en marcha un operativo, contando coa policía local e a axencia de mobilidade, no que se seleccionen dez pasos de peóns conflitivos cada semana e establecer os controis informativos pola mañá e pola tarde”.
“Para a execución deste plan de control debe de facilitarse toda a información a condutores e viandantes, anunciando os pasos de peóns que se controlarán cada día” dixo Rubén Arroxo e sinalou que “o plan deber servir, ademais, para obter información sobre as actitudes de condutores e peóns e analizar así cales deben ser os obxectivos a curto e medio prazo para rematar coa praga de atropelos que sufre Lugo”. “Sabemos que esta medida non é a panacea para rematar cos accidentes e atropelos no concello de Lugo, pero é un xeito de empezar a traballar” afirmou Arroxo.
Para a execución deste programa de control de pasos de peóns non é preciso contar con moitos medios humanos xa que en cada quenda se controlaría unicamente un paso de peóns “o importante é que en Lugo se perciba que se está a facer algo para evitar ese medio cento de atropelos anuais que se veñen dando de media” concluíu Arroxo e lembrou que en Lugo houbo 343 atropelos dende o 2011ata finais de 2016 e, destes atropelos, 189 foron en pasos de peóns o que supón máis da metade.