O voceiro nacionalista, Rubén Arroxo, presentou hoxe unha enmenda á totalidade da Ordenanza Cívica que pretende instaurar o goberno municipal. Para o BNG-AA, esta normativa debería culpabilizar e castigar aos cargos públicos das eivas da cidade e non á cidadanía. En 59 artigos, o BNG corrixirá a Ordenanza Cívica, asegurando a retirada de certos privilexios dos responsables públicos e proporcionando certas obrigas.
Na Ordenanza proposta polo BNG proponse que en vez de aplicar sancións polo estacionamento indebido, os cargos públicos tomen medidas para crear as necesarias prazas de aparcamento e ordenar as existentes. “En vez de criminalizar a pobreza ou a quen exerce a prostitución débense aplicar políticas para que axudar ás persoas a saír desa situación”, explicou Arroxo e sinalou “sancionase a quen fai a súas necesidade fisiolóxicas no espazo público, pero mantéñense pechados os baños públicos de varias prazas da cidade dende fai moitos anos”.
“A Ordenanza Municipal propón sancións para as nenas e nenos que xogan na rúa nós queremos que se creen espazos seguros para o ocio infantil e entendemos que os cargos públicos teñen a obriga de atender esta necesidade”, afirmou Arroxo. Nos 59 artigos desta ordenanza presentada polo BNG-AA recóllense obrigas, prohibicións e boas prácticas para cargos públicos.
Entre as prohibicións recollidas está o estacionamento de vehículos oficiais en zonas peonís cando estes sexan para o uso do desprazamento de cargos públicos, e persoas con responsabilidades de xestión e goberno do Concello de Lugo ou de calquera outra administración. Rubén Arroxo puxo como exemplo a xestión da mobilidade na cidade de Pontevedra onde o alcalde foi o primeiro en dar exemplo ao resto de veciños e veciñas á hora de respectar as zona peonís.