O candidato do BNG – Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, achegouse a coñecer o Mercado da Terra que se celebra todos os martes no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros. Arroxo, que acudiu acompañado dalgunhas das persoas que conforman a candidatura do BNG-Asambleas Abertas, quixo coñecer os proxectos da decena de persoas que habitualmente comercializan os seus produtos a través desta iniciativa.
“Trátase de proxectos impulsados por persoas con iniciativa e coas cousas claras, estes son os verdadeiros emprededores e emprendedoras” dixo Rubén Arroxo que se referiu á necesidade de crear mecanismos, dende o concello, para “dar apoio a este tipo de mercados que achegan produtos naturais e de calidade sen intermediarios entre a persoa que os produce e a que os consume”. Arroxo dixo que “a lei de emprendedores do PP permitiu en Lugo a instalación dunha gasolineira no Carrefour pero non supuxo ningunha mellora para a xente que ten iniciativas sostibles e que apostan polo autoemprego no sector primario”.
Segundo Arroxo “o concello de Lugo ten un potencial moi importante para xerar este tipo de relación directa entre produtor e consumidor” e engadiu que “aquí temos a mostra de que é posible facer cousas innovadoras cos recursos propios”.