O BNG demandou hoxe na voz da edil Maite Ferreiro, que se dea un impulso aos recursos dos que dispón o Concello para a promoción turística de Lugo. Ferreiro explicou que dende o goberno municipal, “parece que non existe preocupación por aproveitar e optimizar os recursos dos que dispoñemos para incrementar o número de visitantes”. Ferreiro engadiu que “hoxe en día é vital, para a promoción turística, que os medios virtuais sexan cribles e conteñan unha información exacta e verdadeira”.
Maite Ferreiro sinalou que “as aplicacións para dispositivos móbiles non dispoñen da programación de actividades culturais e lúdicas que se programan dende o concello”. “Resulta difícil de entender que, cando é o mesmo departamento o que xestiona turismo e cultura, non haxa capacidade para facer que a actividade cultural se reflexe nos contidos da web de turismo”. Dende o BNG-AA sinalaron tamén, que “o concello de Lugo está a facer importantes desembolsos económicos para a posta en marcha destas plataformas virtuais e para o seu mantemento e pola contra semella que non hai vontade política para darlles a utilidade e a importancia que teñen estas ferramentas para a economía lucense”.
A edil nacionalista exemplificou esta falta de atención sinalando o feito de que “na aplicación para móbiles Lugoturismo a última programación de actividades para o verán que aparece é de setembro do 2014 e está totalmente desactualizada”. Outro exemplo desta desatención é que na aplicación para dispositivos móbiles Lugo Turismo, en referencia á actividade do MIHL, somentes aparece información referida ao mes de febreiro e “non aparece ningunha información a respecto das actividades e exposicións que se teñen realizado dende aquela” dixo Maite Ferreiro.