O BNG asegura que seguirá traballando na eliminación dos símbolos franquistas na cidade

O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, anunciou hoxe que a formación que representa seguirá traballando para que se retiren das rúas e dos edificios da cidade os símbolos que aínda quedan da ditadura franquista e que “incumpren a lei de memoria histórica a pesares de estar, case todos, situados en edificios oficiais”.

O voceiro do BNG-AA referiuse, entre outros, ao audio do semáforo de Mártires de Carral que “aínda nomea ao Comandante Manso” así como a escudos franquistas que hai en edificios oficiais. Arroxo asegura que algúns símbolos da ditadura quedaron en almacéns municipais pero outros “deben ser retirados para cumprir coa lei de memoria histórica“, e asegurou que“grazas ao BNG avanzouse na limpeza da simboloxía franquista pero aínda quedan cousas”.

A eliminación dos escudos que aínda quedan no exterior de varios edificios como o colexio de As Mercedes, o IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes ou o edificio de Sanidade na rúa María Balteira son algúns dos exemplos que puxo Rubén Arroxo.

O voceiro do BNG – Asembleas Abertas lembrou que en Lugo aínda quedan edificios “que teñen pequenas placas nas súas fachadas cos símbolos da falanxe” e pediu tamén que o concello estableza un procedemento de retirada das placas con simboloxía franquista para esas comunidades de veciños sen que lles supoña ningún tipo de custo.

Para Arroxo, este é o xeito de avanzar na imaxe democrática do concello e “de facer xustiza cas persoas represaliadas”. Segundo considera o BNG, o concello deberá artellar un mecanismo para asumir os gastos de retirada das placas nas comunidades de propietarios que desexen eliminar estes símbolos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com