A edil do BNG – Asembleas Abertas, Maite Ferreiro explicou esta mañá que “a Banda Municipal de Lugo atópase agora mesmo nunha situación de importante desatención” e anunciou que o BNG – Asembleas Abertas presentou unha serie de preguntas para aclarar que solucións vai adoptar o goberno municipal en relación a este servizo público.
O BNG – Asembleas Abertas aposta por ampliar as dotacións de persoal, espazo e medios para a Escola Municipal de Música que para este curso contou con máis de 980 solicitudes de inscrición e que, segundo Maite Ferreiro, “é o último servizo público que se creou neste concello que da servizo a máis de medio millar de alumnos e alumnas con unicamente 18 profesionais”.
Ferreiro explicou que a dotación de medios para a Escola Municipal de Música vai parella á dignificación da Banda de Música xa que son os mesmos profesionais os que manteñen as dúas cousas. No que se refire á dotación de persoal, a edil do BNG – AA lembrou que “no seu día foi un grupo de 48 persoas, agora redúcese a 18, dando unha imaxe bastante pobre, ademais de crear importantes dificultades para o propio funcionamento”.
Dende o BNG – Asembleas Abertas reclámaselle información ao goberno municipal para saber se ten acometer algún tipo de reforma no organigrama da Banda Municipal e tamén, se está previsto ampliar o número de docentes da Escola Municipal de Música para atender a grande demanda existente. Outra das demandas que trasladará a formación nacionalista vai dirixida a que se estableza algún mecanismo para suplir as baixas laborais das/os traballadoras/es da Banda Municipal.