O BNG-Asembleas Abertas pídelle ao goberno municipal “implicación na eliminación de símbolos da época franquista”

O BNG – Asembleas Abertas pediu, a traveso da edil Maite Ferreiro, “unha maior implicación do goberno municipal para a eliminación dos símbolos da época franquista neste concello”. Ferreiro lembrou que “en xullo de 2012 o consello da Xunta de Galiza aprobou definitivamente a bandeira e o escudo do concello que substituía ao que se viña utilizando dende a época franquista mais os antigos símbolos veñen sendo utilizados de xeito habitual en documentación asinada pola alcaldesa e responsables do goberno municipal”.

Maite Ferreiro afirmou que “entendemos que dende o ano 2012 xa pasou un tempo prudencial para que se normalizase o uso do escudo oficial do concello e para que se fose renovando a papelería”. Para o BNG – Asembleas Abertas, “trátase máis dunha cuestión de intención que de medios e compre romper esteticamente co pasado franquista”.

A edil nacionalista sinalou que “o antigo escudo do concello foi aprobado durante a ditadura, para concederlle distincións honoríficas ao ditador, e nunca chegou a ser oficial” e explicou que “o concello de Lugo viña utilizando como escudo o aprobado polo Ministerio da Gobernación en 1957”. Este escudo da época franquista fora solicitado polo concello de Lugo no ano 1954 para crear unha medalla de honores que servise para condecorar a Franco. A continuación este mesmo escudo foi inserido na bandeira municipal e foi escudo do concello ata a aprobación definitiva do actual, no ano 2012.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com