O responsable local do BNG, Alexandre Penas, compareceu ante os medios de comunicación esta mañá, acompañado dos edís electos do BNG – AA, Rubén Arroxo e Maite Ferreiro, para dar conta da decisión tomada onte pola asemblea de non entrar a formar parte do goberno local de Lugo, nova da que este medio se fixo eco na tarde de onte.
“Esta decisión é o froito dun proceso de asembleas abertas con moitísima á xente e colectivos e dende logo esta liña de traballo vai ser a mesma durante todo este mandato” sinalou Penas.
Alexandre Penas explicou que na Asemblea Aberta un 78% dos asistentes decidiron non entrar a formar parte do goberno municipal no concello de Lugo soamente o 13% se manifestaron a favor e houbo un 9% de abstencións. Penas sinalou que “aínda que non formemos parte do goberno traballaremos construtivamente co goberno, aportando iniciativas que conecten coas demandas veciñais”.
Para o BNG-AA “estar dentro do goberno municipal non é garantía, nestes momentos e dadas as circunstancias, de facer máis por Lugo”. Penas afirmou que “seguiremos traballando cos veciños e veciñas con complicidade para levar a súa voz a esta institución e resolver os seus problemas reais”.
O BNG-AA apostará, de cara a este mandato, para que o Pleno recupere competencias que agora ostenta a Xunta de Goberno e que, segundo explicou Alexandre Penas, “deberá recuperar o pleno dada a diversidade que os veciños e veciñas de Lugo lle outorgaron”.
O responsable local do BNG referiuse á nova conformación da corporación municipal na que son 6 os grupos con representación e dixo que “o xeito de gobernar se ten que adaptar a esta nova circunstancia” e engadiu que “imos reivindicar que o pleno recupere competencias para unha maior democracia e un maior reflexo da pluralidade que os lucenses cos seus votos dixeron o 24 de maio”.
Pola súa banda, o PSdeG-PSOE de Lugo, mantivo contactos coas forzas políticas que apoiaron a investidura da Alcaldesa, Lara Méndez, para tratar de acadar un pacto de goberno.
Afirman dende o partido que o BNG na reunión celebrada entre ambas partes a semana pasada, plantexou unha serie de acordos programáticos básicos, “que o PSdeG asumiu ao cento por cento”.
Sinalan asemade, que respectan os órganos e o procedemento interno de todos os partidos, “e se o BNG decidiu en asemblea interromper as negociacións, será dita forza política a que terá que explicar porque di non a participar nun goberno progresista”.
No caso de Lugonovo, o PSdeG está á espera de coñecer o que decida no seu procedemento asembleario, que os socialistas lucenses confían se celebre canto antes para axilizar a conformación do Goberno local.