O BNG de Lugo presentou hoxe unha aplicación para dispositivos móbiles coa que intentarán medir o pulso da cidadanía de cara ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio. “Con esta aplicación para dispositivos móbiles, calquera persoa poderá achegar ideas e proposta para o noso programa de goberno”, dixo o alcaldable da agrupación, Rubén Arroxo. Na presentación participaron Alexandre Penas, como número 3 da candidatura do BNG e Alfredo Gómez creador da aplicación. A aplicación xa se pode descargar dende o Play Store e tamén se poderán facer achegas a través das redes sociais do BNG de Lugo.
Arroxo sinalou que “a aposta do BNG é estar onde está a sociedade actual e por iso abrimos foros de participación nas redes sociais e a través das aplicacións para móbiles”. A descarga da aplicación é completamente gratuíta e pódese facer escaneando o código QR que se publicará nas redes sociais doBNG ou ben poñendo as palabras BNG Lugo no Play Store.
“Teremos en conta todas as propostas que recibimos e incluiremos no noso programa de goberno aquelas que sexan coincidentes co noso modelo de concello” explicou Arroxo. Esta aplicación únese, como ferramenta de comunicación, ás redes sociais que o BNG de Lugo xa ten posto en marcha en Facebook, Twitter e Instagram. Arroxo anunciou que en vindeiras semanas convocaranse unha serie de comisións sectoriais abertas nas que tamén se poderán facer achegas para o programa do BNG.