Militantes e simpatizantes do BNG de Lugo participarán activamente nos actos do Día da Patria o vindeiro 25 de xullo en Compostela. Dende Lugo sairán autobuses gratuítos para acudir aos actos e o BNG convida a “todas as persoas que lle queiran a este país” no Día de Patria que cumpre 50 anos. As persoas interesadas poderán anotarse para acudir nos buses gratuítos ata o luns 23 de xullo no teléfono 982 28 04 10. Ademais o BNG da Comarca de Lugo organiza un xantar que se celebrará o 25 de xullo en Compostela para afiliados e simpatizantes.
Neste ano conmemórase o 50 aniversario da primeira actividade reivindicativa do Día da Patría un 25 de xullo de 1968 en Compostela, cando un grupo de homes e de mulleres decidiron arriscarse nuns anos de feroz represión e de falta de liberdades nun acto de rebeldía para vir á alameda e poñer unha faixa coa lenda ‘Viva Galiza ceibe e socialista’, cando o réxime pretendía evitar calquera mobilización mais conseguiuse ir tomando rúas de Santiago de Compostela e facer, cos anos, que a praza da Quintana sexa o centro neurálxico dese movemento vivo, plural e colectivo que quere reivindicar que Galicia é unha nación e ten os seus dereitos.