O BNG critica a actitude “compracente” do alcalde de Outeiro de Rei coa prostitución

O voceiro do BNG en Outeiro de Rei, Xosé Ferreiro, criticou a actitude “compracente e benevolente” do alcalde coa actividade da prostitución. Ferreiro sinalou as declaracións do alcalde de Outeiro de Rei nas que aseguraba que “os partidos políticos deberían manterse á marxe de certas cuestións” e que “os políticos non deberiamos meternos en temas que non van con nós”. Para o BNG, “non é normal que o alcalde diga que non é cuestión dos partidos políticos vixiar o tipo de publicidade que se coloca en instalacións municipais”.

Estas declaracións veñen ao fío dunha denuncia dos nacionalistas na que se lamentaban da colocación, no campo de fútbol municipal, dun cartaz publicitario de grandes dimensións, anunciando un local no que se exerce a prostitución.

Ferreiro afirmou que “un alcalde non pode xustificar que en instalcións municipais se instale publicidade de locais nos que se denigra ás mulleres e a súa imaxe. Para o voceiro do BNG “é función inequívoca dos grupos da oposición vixiar que o alcalde non teña actitudes benevolentes con empresas que promoven ou facilitan que as mulleres se adiquen á prostitución”.

O BNG solicitará formalmente a retirada da publicidade instalada no Campo de Fútbol Municipal na que se anuncia un local no que se exerce a prostitución. Para o BNG non é normal que nunhas instalación de titularidade pública se anuncie “a venta e aluguer de mulleres para fins sexuais”. O valado publicitario está situado nun dos laterais do Campo de Fútbol que é titularidade do Concello de Outeiro de Rei e é perfectamente visible dende o enlace da A-6 coa vila de Outeiro de Rei.

Dende o BNG esixirase ao concello que regule a utilización das instalacións municipais e a publicidade que se instale nas mesmas e lembrouse que “ademais do que significa publicitar o comercio de persoas con fins sexuais para unha institución hai que lembrar que a esa instalación deportiva municipal acoden nenas e nenos que deberían estar apartados deste tipo de publicidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com