O voceiro do BNG na Deputación de Lugo criticou hoxe a convocatoria dunha xunta de goberno extraordinaria por parte do partido popular, para adxudicar un total de 4 millóns de euros. Para os nacionalistas “estas prácticas do PP xustifican a necesidade dun cambio de goberno inmediato na institución provincial”, xa que segundo apuntan, van dirixidos a concellos gobernados polo PP.
Para o BNG “estas políticas carentes de toda ética que deben ser destarradas das institucións” e insistiuse na necesidade de “refomular os mecanismos de adxudicación de subvencións e de funcionamento dentro da propia Deputación”. “O feito de que esta aprobación se leve a xunta de goberno extraordinaria dous días antes de que se trate a moción de censura é revelador de cales son os xeitos de traballar do PP” segundo o representante do BNG.
O goberno provincial xa tería intentado a aprobación destas cantidades na xunta de goberno ordinaria do pasado venres 2 de outubro, pero trabas de carácter legal e administrativo impediron esta aprobación. Ademais o deputado nacionalista manifestou o compromiso do BNG de “facer un reparto xusto destes fondos para que todos os concellos poidan acceder a eles independentemente da cor política dos seu goberno” e indicou que “nas áreas que xestione o BNG farase un reparto equitativo entre todos os concellos da provincia para que todas as persoas poidan ter acceso, en condicións de igualdade, aos servizos que se financien cos fondos provinciais”.