O grupo do BNG de O Páramo convoca unha concentración o vindeiro xoves 26 de outubro “en defensa da atención primaria e para demandar que non deixen ao Páramo sen médicos”.
Dende a corporación municipal do BNG denuncian que no centro de saúde da localidade os dous médicos dispoñibles non pasan consulta de xeito continuo debido a vacacións e baixas laborais. “Neste centro de saúde pasa consulta un profesional catro horas ao día mais nunca se sabe exactamente o horario no que vai estar no centro. Nesta tesitura é imposible que o persoal sanitario poida atender a demanda de pacientes que ten o centro”, afirman.
Segundo o BNG paramés, esta situación “pon en risco a saúde dos máis vulnerables, ademais do trastorno que isto causa sobre todo ás persoas maiores que non saben nunca a que hora teñen consulta”. Por iso convocan unha concentración o próximo 26 de outubro ás 12.00 horas ante o centro de Saúde de O Páramo, á que animan a participar “a todos os que poidan a acudir a defender a atención primaria e o dereito a unha sanidade pública e de calidade para o noso pobo”.