O BNG de Rábade iniciará unha campaña para reclamar do Ministerio de Fomento que se adopten as medidas axeitadas para garantir a mobilidade das persoas entre os dou lados da vía ferroviaria na vila de Rábade. O voceiro do BNG en Rábade, Iván Sangiao, afirmou “sufrimos, dende hai moito tempo, a división creada polo valado de ADIF/Renfe que imposibilita a comunicación dos dous lados da vila”.
“O feito de que o paso elevado teña escaleiras dificulta enormemente o paso de persoas maiores, carriños para os pícaros, xente con discapacidade ou perda de mobilidade”, explicou o voceiro do BNG e indicou que “dende o BNG demandamos a construción inmediata por parte do Ministerio de Fomento dun ascensor panorámico dado que son eles os titulares da infraestrutura que causa a nosa división” e sinalou que “todo isto deriva nunha carencia de accesos a servizos básicos que se sitúan a un ou outro lado da vila: centro médico, concello, farmacia, servizos de autobuses ou o centro social”
Para o BNG existe, tamén, “un auténtico inmobilismo” por parte da administración local. “Vemos ao equipo de goberno totalmente desmotivado e sen iniciativa para resolver un dos maiores problemas que, neste momento, temos as persoas que vivimos en Rábade”. Para o BNG o traballo que se levou a cabo dende o goberno do concello “resulta claramente insuficiente e os resultado está á vista pero máis grave que isto é a imaxe de derrotismo do alcalde e do seu equipo que están deixando a Rábade nun vila totalmente abandonada”.