O BNG defenderá no Congreso un financiamento local adecuado á realidade galega

O candidato polo BNG ao Congreso Daniel Castro, expuxo as iniciativas que o BNG  defenderá no Congreso dos Deputados para a reforma do actual marco de financiamento local, que supón “un agravio para os municipios galegos”. Castro afirmou que o Estado pretende ter “un control dende o centro de toda a actividade económica para espoliar os nosos recursos económicos”, e explicou que esta situación “xera especiais dificultades socias e económicas como son o empobrecemento, a precariedade, a exclusión social, a crise demográfica ou mesmo a emigración”.

O candidato do BNG quixo clarificar que, fronte a esta situación, “é máis urxente que nunca que Galiza participe con voz propia e con máis forza no debate no Estado sobre os dereitos nacionais e, vinculados a elas, os sociais”. Para Daniel Castro, isto pasa por “superar un modelo autonómico insuficiente e inadecuado para solucionar os problemas económicos das galegas e dos galegos”.

“Os nosos concellos padecen unha insuficiencia financeira estrutural e grandes dificultades para atender os servizos públicos, o que impulsou  ao aforro e á redución do gasto público como criterios no funcionamento dos concellos para favorecer a iniciativa privada”, criticou Castro.

Fronte a iso, Daniel Castro deixou claro que o BNG “reclamará que Galiza teña competencia na distribución entre os concellos galegos para rematar coa actual discriminación, e se incorporen criterios propios para o reparto como o avellentamento, a dispersión poboacional e o reequilibrio territorial”.

Castro fixo estas declaracións nunha visita a Samos, concello que dende as últimas eleccións dirixe a alcaldesa nacionalista Chus López. Acompañaban ao candidato: o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, a deputada provincial Iria Castro e a concelleira do BNG en Sarria, Mónica López; onde mantiveron un encontro coa alcaldesa do BNG María Xesús López.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com