O BNG trasladará unha proposición do Pleno da Deputación de Lugo na que se pedirá que o organismo local inste á Consellería e Ministerio de Xustiza, así como ao Consello Xeral do Poder Xudicial a creación de xeito inmediato dun cuarto xulgado do social para Lugo. “Segundo os ratios que manexa a administración de xustiza Lugo tería que contar con catro xulgados do social para atender o crecente número de asuntos que se dirimen por esta vía” informou a edil nacionalista.
Maite Ferreiro explicou que “mentres en Ourense se están sinalando xuizos nun prazo de 20 días en Lugo estase tardando ata 2 anos, as demandas de traballadores estanse sinalando agora mesmo para decembro de 2018”. Este tipo de retrasos provoca que moitas demandas non se presenten, pois vense obrigados a aceptar o que lles dan porque non poden esperar 2 anos para cobrar. Ferreiro sinalou que “outros xulgados que tamén están saturados si se reforzaron. Os que tratan os problemas das traballadoras non.”
Dende o BNG-AA reclámase, tamén que mentres non se concrete a creación deste cuarto xulgado do social en Lugo, se proceda ao nomeamento urxente dun/ha maxistrado/a de reforzo para estes xulgados. Maite Ferreiro sinalou que “representantes dos órganos de goberno xudiciais admiten publicamente que se trata dunha necesidade que hai cubrir con urxencia” .
Os xulgados do social aténdense reclamacións laborais como despidos e tamén as demandas a SS, como por exemplo as incapacidades. Segundo o Consello xeral do Poder Xudicial, o módulo de asuntos de entrada para a xurisdición social está en 850 asuntos. No caso dos xulgados do social de Lugo xa chegou aos 940, número moi superior ao de Ferrol, Ourense e Pontevedra, que non chega ou están próximos a esa cantidade fixada polo CXPX. No caso de Santiago ou Vigo, que teñen cifras un pouco superiores, son compasados con reforzos neses xulgados do social.
Esta situación leva consigo que o número de caso rexistrados e sen solucionar nos xulgados de Lugo sexan totalmente insoportábeis. Así, os xulgados do social números 1, 2 e 3 de Lugo tiñan respectivamente 488, 485 e 487 asuntos pendentes sen resolver no mes de xuño deste anos 2016 e están a sinalar xuízos neste momento para decembro de 2018 respectivamente, con máis de dous anos de espera, e aumentando de día en día.