O grupo municipal do BNG denuncia que os restos do templo romano que se atopan xunto ao Círculo das Artes están cheos de lixo e adivrten de que, xa que é un lugar que só abre polo día, “debería existir un maior control do seu estado”.
Dende a formación lembran que o acceso a este espazo está pegado á porta de Bispo Aguirre, polo que está “nun lugar estratéxico para poder ser visitado nas festas do Arde Lucus”, que comezan este xoves. “A imaxe de ter eses restos e ver a zona tan sucia, non axuda a poñer en valor a nosa cidade”, apuntou o voceiro do bloque no concello, Rubén Arroxo.
Arroxo puido observar que o lixo se chega a meter incluso por debaixo da fiestra que cobre as ruínas, algo que nas súa opinión “cómpre remediar”. O propio edil nacionalista cre que esta situación é un exemplo de “descoordinación do goberno municipal”, e pide implicación das distintas áreas para evitar esta situación.
“Vendo como accións simples sobre o noso patrimonio obteñen este grao de abandono, resulta difícil esixir cuestións maiores como que se tome en serio a situación do Cuartel de San Fernando”, engade.