A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, participou onte nun acto simbólico diante da delegación da Axencia Estatal Tributaria para denunciar a discriminación económica á que están sometidos os concellos galegos a respecto do resto do estado. Segundo informou Olalla Rodil “co actual sistema de finanzamento, Lugo perde 16,8 millóns a respecto da media estatal”. A participación dos concellos nos tributos do Estado (PIE) é unha liña financeira garantida a través do artigo 142 da Constitución, que ten como principal finalidade contribuír cos recursos suficientes para os concellos e constitúe aproximadamente o 30 % dos recursos que obteñen os concellos.
Co actual sistema, vixente desde 2004, xéranse uns desequilibrios, que prexudican notablemente aos concellos galegos. “Facendo as contas en función da poboación, os concellos deixan de recibir 50 € por habitante, xa que, en Galicia a media é de 209€ por habitante e ano, mentres que a media estatal é de 259 € por habitante ano”, afirmou Rodil quen asegurou tamén que esta rebaixa no finanzamento supón, sumado á dispersión poboacional, “unha auténtica discriminación económica por parte do goberno do estado español”.
Concelleiras e concelleiros do BNG da comarca de Lugo exhibiron cartaces nos que se manifestaba como afecta a cada un dos concellos este déficit nas aportacións do estado. Olalla Rodil sinalou que “esta falta de finanzamento, finalmente, repercute na calidade e cantidade de servizos que perciben as nosas veciñas e veciños”.
O BNG presentará iniciativas nos concellos co ánimo de reverter esta situación e reequilibrar os fondos que os nosos municipios reciben do estado. A carón dos tributos propios, a PIE (Participación de Ingresos do Estado) é “o recurso financeiro máis importante dos concellos”, dixo Rodil quen aclarou que “non se trata dunha subvención”. O PIE correspóndelles aos concellos como garantía financeira para atender as competencias legais atribuídas e representa arredor do 30% dos ingresos municipais, só superada polos tributos propios que son case o 50%.