A edil no concello de Lugo, Maite Ferreiro, denunciou a falta de hixiene no entorno das illas de colectores no barrio da Ponte. “Recibimos queixas veciñais pola suciedade existente ao redor das zonas onde están situados os colectores do lixo e pola escasa frecuencia na limpeza e na recollida” informou a edil do BNG. Ferreiro lembrou que “estes colectores están situados non entorno do Camiño de Santiago e nas inmediacións da Ponte Romana”.
Recentemente instaláronse novos colectores pero non se fai a limpeza nas zonas e “a hixiene e a imaxe da zona está totalmente descoidada”. O BNG presentará un rogo para que mellore a limpeza e a frecuencia de recollida de colectores no barrio da Ponte. A Ponte debería ser unha das zonas especialmente coidadas da cidade pola súa proximidade ao río Miño e ao Camiño de Santiago “trátase de atender a limpeza e facer actuacións de mantemento no mobiliario urbano para que o barrio teña o aspecto que merece” afirmou Maite Ferreiro.