O BNG denuncia o emprego “indiscriminado” de herbicidas nas estradas de acceso

O grupo municipal do BNG denunciou o emprego de herbicidas como método de eliminación da vexetación nas beiras das estradas de titularidade estatal. O BNG demanda do Ministerio de Fomento información sobre os criterios utilizados á hora da aplicación de herbicidas nos diferentes tramos das estradas e, tamén, pola posibilidade de utilizar medios mecánicos para a eliminación da vexetación espontánea.

Nestes últimos días un vehículo percorreu as estradas de acceso a Lugo “abrasando” con herbicidas químicos as marxes das estradas e dende o grupo municipal criticouse esta actuación e manifestouse a “preocupación do BNG polas consecuencias destes tratamentos químicos”. Dende o BNG sinalouse que “estamos vendo como aos agricultores se lles poñen miles de problemas mentres que o ministerio de Fomento aplica estes herbicidas de xeito indiscriminado sen importar a existencia de vivendas, de cultivos ou de cursos de auga”.

O grupo municipal do BNG lembra que son moitos os colectivos ecoloxistas e organizacións agrarias que levan anos e anos denunciando estas prácticas. A utilización masiva de herbicidas ten gravísimos efectos sobre a saúde das persoas e tamén dos animais. Dende o BNG lémbrase “a problemática existente no mundo da apicultura onde miles de abellas están morrendo pola contaminación provocada polos herbicidas”.

Outro dos perigos destas aplicacións indiscriminadas de herbicidas son “as filtración destas sustancias aos cauces de auga a través do arrastre polas augas pluviais que recollen as cunetas das estradas”. A aplicación destes produtos provocan lóxica preocupación entre a poboación xa que moitas das estradas estatais onde se aplican atravesan zonas densamente poboadas e zonas do casco urbano dos concellos.

O control da vexetación con herbicidas incrementa, tamén, o perigo de incendios ademais de deteriorar considerablemente a imaxe da cidade en zonas cun importante valor paisaxístico e medioambiental.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com