Medra a polémica pola instalación dun circo con animais en Augas Férreas. O BNG revelou esta mañá que esta instalación non conta coa debida autorización municipal e pídenlle á alcaldesa de Lugo que mova ficha. “A alcaldesa non pode permitir que iso siga aí, cando non conta coa autorización municipal necesaria e está a saltar o acordo plenario que declarou Lugo libre de circos con animais”, salienta o voceiro do bloque, Rubén Arroxo.
O voceiro do Goberno local, Miguel Fernández, sinalou que os servizos xurídicos do Concello estudan se outorgarlle ou non a licenza correspondente ao circo e aclaran que está instalado nun espazo privado polo que non se trataría dunha ocupación do solo público.
Sobre a existencia dun acordo plenario que declaraba Lugo libre de circos con animais, Fernández defende que a Lei de Emprendemento da Xunta de Galicia si permite este tipo de espectáculos aínda que “a vontade do Concello é cumprir os acordos do pleno”, polo que avanza que “no día de hoxe se tomará algunha decisión definitiva”.
“No día de hoxe se comunicará a decisión que se tome. A vontade é cumprir os acordos do pleno pero sempre e cando a legalidade o permita e a Lei de Emprendemento da Xunta non prohibe eses espectáculos”, engade Fernández.