O grupo provincial do BNG “lamenta a intención do Partido Popular de persistir no bloqueo ao proxecto de recuperación e posta en valor da Torre de Caldaloba que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo iniciou hai un ano coa compra da parcela na que se situa parte da Torre e os seus fosos defensivos e coa redacción dun proxecto de consolidación para atallar o deterioro da construción”.
“Así se confirmou no Pleno provincial desta mañá na que o Partido Popular votou en contra dunha moción do BNG que pedía ao goberno galego que aclare se exercerá o dereito de retracto sobre a compra, que anunciou hai máis de nove meses e non materializou, e que autorice as obras proxectadas” Subliñan fontes do nacionalistas. “Se a Xunta vai exercer o dereito ao retracto, que anunciou hai nove meses, que o faga, pero que o faga canto antes. Esta moción só pide que a Xunta de Galicia desbloquee a situación e permita realizar as obras de consolidación previstas para non ter que lamentar nada. Se non o fai, terá que explicarlles aos seus veciños porque non move ficha”, expuxo a deputada Iria Castro durante o debate da moción, dirixíndose ao deputado popular e alcalde de Cospeito, Armando Castosa.