A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, lamentou que o PP impedise o debate e aprobación da emenda presentada polo seu partido aos orzamentos da Xunta para incluír as partidas económicas necesarias para avanzar na rehabilitación do barrio da Tinería. “Dende o 2009 quedou paralizado o plan de rehabitación e rehabilitación deste barrio e o BNG seguirá plantexando propostas e reclamando investimentos para a zona”, asegurou Olalla Rodil.
A nacionalista dixo que o BNG seguirá traballando para que a Xunta de Galicia se comprometa con Lugo e asegurou que “urxe a necesidade de creación de postos de traballo e a promoción económica, social e turística da capital provincial”.
O barrio da Tinería conta con varios edificios de propiedade pública, que segundo denuncia esta agrupación, “están sen rehabilitar” e cuxa finalidade era adicalos a vivenda protexida. Un edificio destacado é o chamado Pazo de Doña Urraca, “que tamén está pendente de rehabilitación, e no que estaba planificado un Centro de Estudos e Investigacións Sociais que fora referente en toda Galicia”, afirmou a nacionalista.
Olalla Rodil lembrou asemade que hai pendente de rehabilitar dous edificios na Unidade de Intervención, e que xa estaban adxudicados en concurso público para destinalos á creación de 12 apartamentos interxeracionais, un Centro de Día para o barrio e a posta en valor dos restos arqueolóxicos que se atopan na zona.
Olalla Rodil sinalou tamén que o BNG ten un proxecto para este barrio e denuncia que as partidas orzamentadas pola Xunta para Fomento da Rehabilitación de Vivenda recortáronse un 90%, e as adicadas a Acceso de Vivenda sufriron un recorte de máis do 80%.