Cargos institucionais e orgánicos do BNG anunciaron, nas inmediacións do Centro de Investigación Aerotransportada (CIAR) de Rozas, que a formación nacionalista “estará vixiante pare a evitar que Rozas se converta nunha base militar de drons”. O parlamentario Cosme Pombo anunciou que asistirá, xunto coa parlamentaria Carme Adán, á visita promovida dende a Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento Galego a este centro de investigación na xornada do luns 30 de maio.
A candidata do BNG ao Congreso, Olalla Rodil sinalou que “defendemos que a creación do Polo tecnolóxico en Rozas sirva para traer novas empresas a Galiza e a esta comarca e agardamos que unha parte dos 600 postos de traballo prometidos, poidan corresponder a traballos locais” e engadiu que “estamos a favor da creación dun polo tecnolóxico e agardamos que estas inversións millonarias sirvan para crear emprego na zona”.
“A presenza do BNG en Madrid será fundamental para defender os nosos intereses ante organismos como o ministerios que teñen responsabilidades sobre este tipo de proxectos” dixo Olalla Rodil que estivo acompañada polo parlamentario Cosme Pombo, a concelleira do BNG en Castro de Rei, Digna Lagarón e o voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo.
Pola súa banda, Cosme Pombo, lembrou que o CIAR foi creado en Novembro 2014 cun importantísimo investimento por parte do goberno do estado e da Xunta de Galiza e lembrou que “sempre se nos dixo que o centro estaría dedicado a promover os Drons no ámbito civil para poder mellorar os servizos públicos galegos como a prevención e extinción de lumes, a xestión de catástrofes, a xestión do Territorio, a vixiancia costeira e do medio ambiente e para apoiar certos servizos sanitarios e de Emerxencias”.
Pombo aclarou que “o BNG defendeu e defende a aposta polo I+D+I e a súa aplicación na Industria, o fomento do desenvolvemento tecnolóxico, o fomento da innovación e da investigación aeronáutica e o desenvolvemento dun plano de investimentos asociado á creación deste Polo Tecnolóxico Industrial en Rozas” e afirmou que “atendendo ao principio de solidariedade, antiimperialismo, paz e desarme no concerto internacional, que defende o BNG estaremos atentos a que o CIAR sexa destinado, exclusivamente, a aplicacións de uso civil”.